sábado, 25 de abril de 2009

O Porto exterior de Ferrol

A pesares da grande riqueza biolóxica que posúe a ría de Ferrol e da necesidade de potenciar un sector pesqueiro e marisqueiro marxinado e esquecido en favor da industrialización, tan nefasta para a ría, a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, co beneplácito do Mnisterio de Medio Ambiente, aprobou a construcción dun porto exterior na boca desta ría.

A Ría de Ferrol: Características

A especial constitución xeolóxica da ría de Ferrol fai que teña unha ampla variedade de hábitats. o patrimonio ecolóxico da Ría de Ferrol abrangue fauna, flora e xea de tódalas ribeiras e dos fondos. A súa conservación depende de que os sistemas permanezan inalterados para que as especies segan ocupando os mesmos nichos ecolóxicos que ocuparon sempre.Na parte exterior, e polo tanto, a máis batida polo mar, atópase a máis importate reserva de riqueza, xa que ata o de agora, era a beiramar mellor conservada e menos alterada, constituída por acantilados graníticos que se extenden polo fondo ata profundidades de entre 15 e 30m. Nos 12-25 primeiros metros, podemos atopar un bosque de laminarias de grandes algas do golfo, que alberga unha rica fauna: esponxas, corais, babosas mariñas de vistosas cores que se alimentan das esponxas, gusanos, ourizos, estrelas e moitos outros organismos que serven de alimento a outras especies de interese comercial como polbos, nécoras e santiaguiños. Tamén acolle moitas especies de peixes propias de fondos rocosos: pintos , maragotas, cabras e outras especies de pequenos peixes. Máis abaixo, en canto desaparecen as algas, entre os 15 e 30m, abundas outros animais como esponxas, gorgonias brancas, gorgonias encarnadas, pequenos e vistosos caramuxos que se alimentan das gorgonias e cangrexos semellantes a pequenas e delgadas centolas. As fanecas viven nesta zona en grupos baixo grandes pedras ou en pequenas covas.

Hai que destacar tamén, nas puntas máis saíntes do Segaño, Coitelada e os dous Pieiros, unha comunidade característica de augas moi batidas, que non se atopa no resto da ría.A parte máis estreita da ría é unha canle de 2700m x 400m, e nela existe un forte hidrodinamismo onde a auga adquire moita enerxía; téñase en conta que un 25% do total da auga da ría é renovada en cada marea. Este importante movemento condiciona o medio mariño favorecendo a intrusión de augas oceánicas ricas en nutrientes (fitoplancton), asegurando a renovación da auga do fondo e favorecendo unha boa osixenación dos sedimentos, de vital importancia para os organismos mariños e para a degradación da materia orgánica. Esta forte corrente impide que nos fondos rocosos fíxense algas, permitindo ser colonizadas por unha das comunidades máis interesantes da ría: unha multitude de organismos sésiles, que é díficil de atopar en variedade e abundancia noutros lugares. Sobre estes viven e depredan moitas especies de moluscos de interese comercial.

Xa no exterior da ría, atopamos pequenas enseadas, onde as augas son máis calmas, que albergan unha biodiversidade pouco común. Só na Enseada do Baño (Mugardos), existen máis especies de moluscos que en toda a ría de Ares. Nesta enseada, vive unha das poucas vieiras de fango que se coñecen. Hai esponxas que chegan a acadar os 5m e noutros lugares non sobrepasan os 30 cm. Tanto nesta enseada como noutras situadas máis no interior da ría, atópanse os bancos marisqueiros intermareais máis productivos da Galiza.En xeral, todos estes fondos rocosos son de moi alta biodiversidade. O resto desta extensa zona exterior ocúpao un extenso areal no que se agochan enterrados chirlas, caramuxos que buscan estas e outras ameixas para comelas, estrelas, ourizos petos e varias especies de peixes (melgachos, raias, linguados...)Nas últimas décadas, descubríronse nesta ría 18 novas especies para a aciencia; e dicir, descubríronse por primeira vez no mundo na ría de Ferrol e hoxe son coñecidas por toda a comunidade científica internacional. Ningunha outra ría de Galiza ten semellante número de especies novas. Algunhas destas especies leva o nome da ría: TRACHYTEDAMIA FERROLENSIS

O Proxecto do Porto Exterior

A pesares desta grande riqueza biolóxica que posúe a ría de Ferrol e da necesidade de potenciar un sector pesqueiro e marisqueiro marxinado e esquecido, en detrimento da industrialización, tan nefasta para a ría, a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, co beneplácito do Mnisterio de Medio Ambiente, aprobou a construcción dun porto exterior na boca desta ría .

O proxecto denominado "Ampliación del Puerto de Ferrol (Puerto Exterior)" consiste, basicamente, na construcción dun dique de abrigo de máis de 1000m de lonxitude situado transversalmente na boca da ría, cun ancho de dique de 795m, ademais dunha enorme explanada de case 100 hectáreas de superficie, contruída a maior parte no mar mediante o recheo do mesmo, e na que se proxecta un atraque de graneis líquidos encostado a un dique de 22m de calado e un peirao (atracadeiro) de 1515m de lonxitude por 20 m de calado, cun peche lateral que inclúe un peirao de atraque para embarcacións auxiliares.

O dique de abrigo pechará o 60% da bocana da ría, o q provocará a alteración das mareas e correntes, e como consecuencia, a alteración da renovación das augas interiores da ría. O propio Estudio de Impacto Ambiental do proxecto, recoñece que como consecuencia desta alteración que producirá o dique de abrigo nas correntes e mareas, a renovación das augas da ría diminuirá nun 83% frente o 100% actual.A execución do proxecto afectará seriamente ó sector pesqueiro e marisqueiro que opera na ría, dado que se verán directamente afectadas zonas de pesca artesanal, extracción maiormente de moluscos bivalvos (ameixas, marolos, zamburiñas, ostras, etc...), crustáceos (percebes, centolas, nécoras....) etc.....que constitúen o único recurso para un grande número de familias na actualidade (máis de 1000 segundo datos das cofradías de pescadores e mariscadores da zona).Sería moito máis razoable invertir esa grande cantidade de diñeiro no saneamento integral da ría e na potenciación e desenvolvemento do sector da pesca artesanal e marisqueo, tan importante para a comarca, e que non ameaza a importante riqueza biolóxica e paisaxística da ría , sempre que se faga con criterios ecolóxicos.

É de reseñar, tamén, o grande impacto medio ambiental que ocasionarán os accesos terrestres do Porto Exterior previstos no proxecto , que ademais de atravesar unha boa parte das terras agrícolas e montes do rural, tamén afectará a unha parte do L.I.C. denominado Costa Ártabra.

O estudo de impacto ambiental

O Estudo de Impacto Ambiental elaborado para o citado proxecto é moi deficiente, carecendo de todo rigor, pois non se documenta para nada na ampla bibliografía científica que existe na actualidade sobre a ría de Ferrol, unha das de maior interese de toda Galiza:
  • 104 artigos publicados en revistas científicas.
  • 21 proxectos de investigación subvencionados.
  • 13 teses de Doutoramento.
  • 11 tesiñas de Licenciatura.
  • 112 Comunicacións en Congresos Estatais e Internacionais.
No Estudo dise que falta información fiable sobre a fauna e a flora da zona, polo que se deduce , ou que se descoñece ou que non se tivo en conta ningunha desta bibliografía científica. Por poñer un exemplo destas deficiencias:
  • das 732 especies mariñas descritas na zona afectada, so 34 especies foron citadas.
  • das 295 especies de flora mariña catalogadas, so cotáronse 7.
É penoso....bótase en falta a opinión ecuánime e obxectiva dun organismo de recoñecida imparcialidade á hora de elaborar o Estudo de Impacto Ambiental.

Fonte: ADEGA
_________________

Nenhum comentário:

Postar um comentário